A enxeñeira, que obtivo o mellor expediente no Grao de Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, traballa agora como investigadora en Gradiant
Marielena Márquez Barreiro non foi unha estudante calquera. No 2021, recibiu o Premio Extraordinario de Fin de Grao na Titulación de Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Esta distinción marcou o final dun capítulo, pero non da historia.
O día 20 de outubro, Marielena Márquez recibirá o Premio Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo que se concede dentro dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2023. Uns galardóns outorgados polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
O culmen da súa brillante traxectoria académica tamén indicou o punto de partida dunha prometedora carreira. Marielena Márquez non tardou en embarcarse nun novo reto: o máster en Enxeñería de Telecomunicacións, tamén na Universidade de Vigo. Uns estudos que compaxinou co seu actual posto como enxeñeira investigadora en Gradiant.
Hoxe conversamos con ela para coñecer máis a fondo en que traballa o mellor expediente académico da súa promoción, que papel considera que vai xogar a sustentabilidade e cal é a importancia das figuras femininas nunha profesión que, tradicionalmente, estivo ligada ao xénero masculino.
-Primeiramente, con que nota media finalizou o grao?
-O grao foi sobre un 8,9. Sei que quedei rozando o 9, non lembro exactamente as décimas. O máster si que o teño máis recente, e foi un 9,2.
-Actualmente está a traballar en Gradiant na Liña de Cloud-Native Technologies, gustaríalle focalizar a súa carreira profesional na investigación?
-Pois non é a miña idea. Nunca o foi, realmente. Coincidiu que empecei en Gradiant porque me chamou a atención que estaba bastante vinculada á universidade e gustoume a oferta que facían nesta liña concreta. Pero non é a miña idea facer só investigación. Tamén estou a empezar na parte de xestión de proxectos, que é unha liña que me chama máis. Non me vexo a futuro durante moito tempo en temas de investigación pura.
-En que consiste o seu traballo dentro de Gradiant?
-Xusto agora estou a empezar a combinar a parte máis técnica de investigación e desenvolvemento, meramente na liña de Cloud Native, coa parte máis de xestión e dirección de proxectos. Pero aínda estou a empezar, ao ser bastante nova.
Na liña de Cloud Native traballo con tecnoloxías como Kunernetes e Docker, que son de optimización e xestión de contedores e desenvolvemento sobre todo de aplicacións moi enfocadas a redes móbiles 5G. Temos un laboratorio en Gradiant no que despregamos seguindo este paradigma Cloud Native redes 5G privadas e facemos diferentes probas e desenvolvementos bastante novos.
Na liña de intelixencia artificial traballo para desenvolver e orquestrar modelos de intelixencia artificial en arquitectura tanto Cloud como Edge Computing.
-Os telecos ides xogar un papel central no desafío da dixitalización, con diferenza un dos máis relevantes desta era. Cales cre que son os campos nos que teredes maior protagonismo como colectivo?
-Realmente non sabería dicirche ningún campo, nin social nin económico, no que non vexa que non esteamos involucrados en todo o que se refire á dixitalización. É tan variado o abanico de aplicacións e casos de uso que poden ter as tecnoloxías que desenvolvemos nestas liñas que eu creo que aplica a practicamente calquera sector, que ao final xa están a introducir dixitalización dunha ou outra forma.
Aquí en Vigo o tema da automoción promóvese moito porque hai moita industria dese sector. Tamén temas de industria en xeral, de industria de manufactoring, que o chaman en inglés. A fábrica intelixente é unha desas ideas que está a promover tanto a dixitalización.
Tamén o sector público, o sector alimenticio… Practicamente a calquera industria e sector eu creo que a dixitalización dunha ou outra forma vai acabar chegando e sen dúbida imos ser bastante relevantes nese aspecto. Os telecos imos ser importantes en calquera sector.
-Falando de retos globais, se a dixitalización é un desafío maiúsculo, o da sustentabilidade e a loita contra o cambio climático é seguramente o máis importante de todos. No Colexio e a Asociación vémolo así e, de feito, o lema da Noite deste ano será “Enerxías Intelixentes”, unha clara invocación a esa necesidade de usar o potencial da tecnoloxía para crear enerxías máis limpas e eficientes coas que pelexar contra o quecemento global. En que medida un colectivo como o dos Telecos poderedes axudar a traballar neste proxecto colectivo?
-Eu creo que no desenvolvemento de calquera proxecto. De feito, xa o estamos vendo no día a día, tanto de proxectos novos como dos que xa están en curso. Nas nosas liñas, o tema da sustentabilidade é un tema clave que se ten en conta desde a planificación ata a execución de calquera proxecto.
En relación cun dos sectores máis influenciados pola dixitalización, o sector da industria, seino de primeira man por un dos proxectos nos que estou a traballar en Gradiant. Traballamos cunha empresa galega que a súa idea é tentar minimizar a produción de desperdicios de todo o sistema de produción para mellorar a sustentabilidade e ser máis conscientes do impacto ambiental.
IA e sustentabilidade, o futuro
En temas de intelixencia artificial, predición e optimización do proceso de produción estamos a conseguir iso. Sorpréndeche e chámache o ser capaz de conseguir ese tipo de cousas que teñen un impacto tan relevante en algo tan actual como a sustentabilidade e os proxectos verdes.
-É que, ao final, todo é enerxía: a xeración e a distribución de quilowatts, evidentemente, pero tamén coches, smartphones, cidades… Vaiamos onde vaiamos, todo é enerxía. O campo de traballo é inmenso, non?
-Si, eu falo do que me queda máis preto porque é un proxecto no que estou a traballar, pero na industria da automoción están moi involucrados no desenvolvemento de aplicacións que axudan ao desenvolvemento de vehículos conectados e de vehículos eléctricos, que terán un impacto bastante forte nos próximos anos, por non dicir xa agora.
-O seu traballo actual se central nos modelos e arquitecturas de Cloud e Edge Computing, utilizando tecnoloxías como Docker ou Kubernetes. En que consiste?
-A idea do Cloud en xeral é a capacidade de, en lugar de executar aplicacións en contornas locais, é dicir, en máquinas, servidores ou computadores que tes na túa propia instalación, utilizar servizos na nube. Máquinas ou servidores que se atopan nun datacenter dun provedor externo, como pode ser Amazon, Google ou Azure.
Isto dáche a capacidade de desenvolver e utilizar recursos de cómputo e almacenamento que non necesariamente tes que ter comprados nas túas instalacións, senón que os podes utilizar por medio da rede. Isto ofréceche moita flexibilidade. En función da carga e a demanda que teñas nun momento dado axustas o uso dos recursos e facilítase o aforro, tanto económico, como de enerxía como en calquera aspecto.
Doutra banda, o Edge Computing é unha idea máis eficiente a día de hoxe. Promove achegar o Cloud Computing a puntos críticos máis próximos ás fontes dos datos. É dicir, nunha fábrica, en lugar de ter que enviar os datos que están a recompilar as distintas máquinas ao Cloud, que é un concepto máis abstracto e ten os servidores afastados da fábrica, pois levalos a servidores de cómputo máis próximos ás fontes.
Isto permíteche realizar cálculos ou execucións das aplicacións de forma máis rápida e obter resultados en tempo real, en comparación co que conleva ter que levar os datos á nube.
Búscase un equilibrio, combinar ou tratar de forma conxunta este tipo de arquitectura, tanto Cloud Computing como Edge Computing. Para facelo traballamos con contedores, que é unha forma de virtualización das aplicacións e é o que realmente se desprega neste tipo de arquitecturas.
-Non querería rematar esta entrevista sen preguntarlle pola falta de vocacións femininas nas carreiras STEM, algo que no fondo é un paradoxo pois trátase de estudos críticos para a sociedade que vén, cunhas taxas de inserción laboral moi altas e salarios por riba da media. Por que as mulleres non se senten atraídas por estes graos?
-Eu creo que é un problema de base desde a infancia. É moi difícil que a unha nena xúrdalle a vocación dunha carreira deste tipo se todos os referentes que se lle mostran son masculinos. É verdade que cada vez se está traballando máis niso e estanse conseguindo resultados positivos, pero eu diría que a día de hoxe non é suficiente, porque é unha realidade que na carreira de Teleco se empezamos ao redor de 120 alumnos, igual mozas eramos 20. A diferenza de estudantes segue sendo abismal.
É obvio que se conseguiron avances, porque igual fai 20 ou 30 anos era impensable que unha soa moza estudase unha carreira deste tipo, pero de todos os xeitos segue sendo unha realidade que o número de mozos e mozas está moi desbalanceado neste tipo de carreiras.
Para min a base é a falta de referentes e o que desde nenas fágannos ver que non ten que ser un enxeñeiro, tamén pode ser unha enxeñeira. É ter referentes que che fagan ver que unha moza tamén pode desenvolver aplicacións e facer modelos de intelixencia artificial, e que isto non é algo que está só enfocado ao xénero masculino.
-Na súa opinión, que se pode facer para reverter a situación?
-Ser conscientes todos de que a situación é así e que, para poder revertela, todos temos que en primeiro lugar recoñecela e ser conscientes de que existe, non negala. E, por outra banda, tentar darlles referentes ás nenas para que se vexan reflectidas e non lles resulte estraño o querer estudar unha carreira STEM.