A iniciativa Talentos Inclusivos recibirá o Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais na Noite Galega das Telecomunicacións
A tecnoloxía abre moitas portas. As dos fogares, por exemplo, coas fechaduras intelixentes creadas pola domótica. Pero tamén aquelas cuxos ferrollos non son tan visibles. E é que as innovacións tecnolóxicas tamén lle abren a porta a unha vida máis sinxela a todas as persoas con discapacidade. Esta é a principal misión de Talentos Inclusivos, un proxecto innovador que fomenta a creatividade entre os estudantes dos institutos galegos, animándoos a desenvolver solucións tecnolóxicas punteiras que atendan as necesidades especiais das persoas afectadas por parálise cerebral.
Unha iniciativa do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UdC), e colaboración coa Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE Coruña) e o Concello da Coruña co apoio do Consello Social da UdC e promovido pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Xunta de Galicia.
«O obxectivo é capacitar aos mozos e mozas dos institutos para desenvolver proxectos tecnolóxicos cun impacto sobre as persoas con discapacidade. Os alumnos e alumnas traballan usando tecnoloxía e ven como o seu traballo pódeo aplicar unha persoa para cambiarlle un aspecto da súa vida. Ven un beneficio directo sobre as persoas», resume Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador e investigador principal de Talentos Inclusivos.
Este ano, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación decidiu premiar o labor deste programa fomentando as vocacións STEM entre os máis novos e resolvendo os problemas das persoas con parálise cerebral. Por iso, o próximo 20 de outubro entregaráselle o Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais na gala da Noite Galega das Telecomunicacións.
Tecnoloxía para todo o mundo
Todo o que se constrúe e fai no mundo tecnolóxico debe ter en conta a diversidade de poboación que existe. Este é un principio compartido polo CITIC e a Universidade da Coruña, que levan traballando máis de quince anos conxugando as TIC coas distintas discapacidades. O obxectivo? Que ninguén quede excluído das vantaxes das TIC.
Javier Pereira, o responsable do proxecto Talentos Inclusivos no día a día, recalca que a tecnoloxía non só serve pasa pasar o tempo nas redes sociais: «A nosa función como centro TIC é que os estudantes vexan que a tecnoloxía é moi útil e facilita a vida de moita xente que, sen estas solucións, non tería unha participación tan plena na sociedade. Desta forma, tamén damos visibilidade aos problemas das persoas con discapacidade entre os máis novos».
O director do CITIC, Manuel González Penedo, recalca que o centro non só debe centrar o seu traballo na ciencia de excelencia, senón que debe promover accións deste tipo que impacten directamente nunha sociedade máis humana.
Así nace esta iniciativa, que xa completou tres edicións e, nestes momentos, está a poñer en marcha a cuarta. Un proxecto cunha vocación dual moi marcada, que crea un marco de traballo colaborativo que, ao mesmo tempo, esperta vocacións STEM entre os alumnos e alumnas de Secundaria e Bacharelato. Pero tamén os sensibiliza acerca das necesidades das persoas con parálise cerebral e demóstralles como as aplicacións e ideas que desenvolven poden contribuír a mellorar determinados aspectos da súa vida.
Un paraugas moi amplo onde atopan cabida solucións de ocio, de rehabilitación ou para o fogar, produtos de apoio con impresión 3D, ferramentas para acceder ao ordenador e ao móbil ou programas para facilitar a comunicación.
«A tecnoloxía non pode resolver todo nin vale para todo o mundo. Vaise ao detalle, a resolver os problemas dunha persoa concreta. Se logo é aplicable a máis, perfecto. Pero non se trata dunha solución masiva. Os estudantes saben que persoa vai aplicar a súa solución», explica o coordinador do proxecto.
O funcionamento de Talentos Inclusivos
Ao principio de cada curso, os membros de ASPACE comparten algúns dos problemas aos que se enfrontan na súa rutina diaria. A continuación, trasládanse estes asuntos aos colexios, onde se debate como poderían resolverse mediante a tecnoloxía. E todo, cun enfoque moi centrado nas necesidades de cada persoa para decidir cales se abordarán ao longo do curso.
Os alumnos e os profesores xogan o papel máis importante, pois son quen desenvolven as solucións e traballan día a día por crear un produto útil e funcional. Desde o CITIC realízase un labor de tutorización, funcionando como un guía, resolvendo os posibles problemas tecnolóxicos que poidan xurdir e comprobando os avances mediante reunións mensuais.
Talentos Inclusivos, o camiño das ilusións
Por regra xeral, comézase a traballar no mes de outubro ou novembro, tras a Xornada de Sensibilización: unha visita das persoas de ASPACE ás escolas. Nela, os alumnos e alumnas entran en contacto coas persoas con parálise cerebral, coñecendo non só as súas limitacións para comunicarse ou moverse, senón tamén os seus intereses ou ilusións.
Na primavera ten lugar unha visita parecida. Neste caso, son os colexios os que fan unha excursión para visitar as instalacións de ASPACE e pescudar onde pasan os días estas persoas. Alí descobren máis a fondo as súas limitacións como, por exemplo, os obstáculos aos que se enfrontan para acender unha televisión.
Posteriormente, organízase unha feira aberta ao público no museo Domus de A Coruña, onde os alumnos e as persoas con parálise cerebral presentan e explican os proxectos, demostrando se funcionan e se realmente logran resolver os seus problemas. Una vez rematada esta xornada, os proxectos entréganse a ASPACE.
En ocasións, hai proxectos que, aínda que sobre o papel tíñano todo para triunfar, na práctica non chegan a bo termo, e é necesario modificar bastantes aspectos. Outros son o suficientemente robustos, e continúan utilizándose na actualidade.
Con todo, sexa cal for o resultado, xamais será considerado un fracaso. Todo o contrario.
Unha iniciativa onde non existen os resultados malos
«Nós dicimos que é tan importante o resultado como o camiño. A aprendizaxe e o traballo cooperativo é o máis importante. Se quixésemos comercializar o produto seriamos unha empresa, pero esta non é a función do proxecto, senón que os mozos e mozas vexan outras realidades e déanse conta de que a tecnoloxía non é tan accesible para moita xente, para a que non é fácil, por exemplo, acender un computador ou usar unha aplicación», asegura o subdirector do CITIC.
O traballo incansable destes tres anos fixo que multitude de solucións puidesen ver a luz: un bingo adaptado, unha embocadura para pintar, un adaptador para portas, un dado electrónico, unha mesa de luz, un Fenderino adaptado, unha serie de xogos musicais, un timbre inalámbrico para avisar aos coidadores, unha adaptación do dominou e do Tetris, un mando de distancia para a televisión…
Produtos que resolven necesitades concretas das persoas con dano cerebral, e detrás dos cales se atopan os máis de 500 estudantes que xa participaron no programa.
Talentos Inclusivos, por tanto, pon de manifesto o sólido compromiso de alumnos e profesores que, movidos pola vontade de axudar, realizan un gran esforzo e enfróntanse a este reto de forma desinteresada.
Xeralmente, cada colexio goza de liberdade para organizarse como considere máis oportuno. O primeiro ano do programa algúns centros montárono como unha actividade extraescolar, pero os dous últimos tentouse de encaixalo dentro do horario e a estrutura curricular: no club de ciencias, a materia de tecnoloxía, programas STEM…
Talentos Inclusivos está aberto a todos os colexios que desexen apuntarse, a través da convocatoria aberta que publica a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Nas primeiras edicións restrinxiuse ao ámbito de A Coruña e Ferrol por temas loxísticos de desprazamentos, pero nas novas edición está aberto a toda Galicia e á participación doutras entidades como os centros de atención a persoas con discapacidade da Xunta de Galicia.
A importancia de impulsar as vocacións tecnolóxicas
Outro dos grandes obxectivos de Talentos Inclusivos consiste en continuar fomentando as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos. Un desafío de especial importancia, especialmente se se bota unha ollada á porcentaxe de mulleres en carreiras como o Grao en Enxeñería Informática, onde o ano pasado tan só supoñían o 13 % do total.
Aínda que nas titulacións máis recentes, como o Grao en Intelixencia Artificial ou o Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos, os números están máis igualados co 30 e o 36%, respectivamente, esta disparidade segue sendo un problema que se debe combater, xa que estas carreiras teñen unha infinidade de saídas profesionais. Nesta liña, Talentos Inclusivos caracterízase por un enfoque aberto, e os grupos de traballo están compostos tanto por mozos como por mozas, dando unha nova visión das TIC aplicadas.
Este proxecto conta, ademais, co respaldo de institucións como o Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello de A Coruña, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e a Consellería de Política Social, e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación.