Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2025

Coa entrega destes galardóns queremos distinguir, un ano máis, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e entidades.

Corporación Hijos de Rivera

Premio Socio de Honra

En recoñecemento ao seu apoio á innovación e aposta pola tecnoloxía en favor das iniciativas galegas en internet. Neste sentido, destacouse a web Bigcrafters, coa que se creou un mercado de comercio electrónico dirixido a facilitar a difusión e distribución de produtos artesáns, sobre todo aqueles elaborados en Galicia en pequenas cantidades.

Alfonso Juan Álvarez Villamarín

Premio Enxeñeiro do Ano

Pola súa brillante traxectoria profesional, que desenvolveu tanto no noso país como no estranxeiro: á marxe de diversos postos directivos en Cellnex, foi tamén conselleiro da Cámara de Comercio Española no Reino Unido. E polo seu labor para o mantemento da continuidade das emisións de radiodifusión, de gran relevancia para todos durante o recente apagamento.

The Mind Guardian - atlanTTic e Samsung España

Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

Aplicación gamificada para tabletas Android baseada en intelixencia artificial que permite a detección temperá de signos de deterioro cognitivo antes de que aparezan os primeiros síntomas de enfermidades como o alzhéimer. Destácase os beneficios para a saúde das persoas maiores de 55 anos, como a mellora da calidade de vida e unha redución dos efectos das demencias ata nun 40%, así como a súa interface sinxela. O proxecto está codirixido por Manuel Fernández Iglesias e Luis Anido Rifón.

Premiados en anteriores edicións